Hoxe tivo lugar a inauguración oficial do evento, na que cortaron a cinta a alcaldesa de Camariñas, a deputada provincial da comarca, o delegado e o subdelegado do Goberno, o director de Comercio e Consumo e o director da Axencia de Turismo de Galicia.
No seu discurso, Sandra Insua, fixo referencia á forza do encaixe e das palilleiras en contextos inestables para o sector do mar como o actual, “sei de boa man que o palillo foi, é e será un sustento económico imprescindible para estas familias”.
Insua anunciou que “o Concello e as palilleiras levan un ano traballando nunha gran colaboración cunha multinacional téxtil, o que demostra que o encaixe é vangarda absoluta”.
Hoxe o deseñador andaluz José Perea, que tamén participa no desfile de Grandes Deseñadores, levou a cabo na pasarela da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña unha das súas mediáticas demostracións de costura en directo. En 20 minutos, mentres o público presente interactuaba con el, José Perea creou desde cero un vestido que logo desfilou co resto de creacións da colección cápsula que presenta no seu primeiro ano na pasarela camariñana.
Os 12 artesáns que participan nesta edición demostran que esta artesanía milenaria pode adaptarse a diferentes materiais.
Son: Alfarería La Cacharrera, O Rulo, Feituras, Risco Estudio, Encaixa_T, Ene de Toba, Lola Logaro, Mascarada O Cansorriño, Mariví Santos, Zeltia ao Aire, Ana Trasariz e Estilo Aramar.